Hoxe por variar, publico un conto que particularmente logo de escribilo sentín. Nada máis que iso. Sentín moito. E que mellor na vida que sentir? Sexa o que sexa.
___________________________________________________
Contan dun neno que estaba xordo pero escoitaba máis que ninguén. Todos os días agardaba ao luscofusco para poder ir á praia, cando non había ninguén. Sentaba nunha rocha e agardaba. Agardaba horas, ata que sentía o son das ondas. Íase á fraga, sentaba nun madeiro e agardaba. Agardaba horas, ata que sentía o asubío do vento na cara, o rechouchío dos paxaros ou mesmo a musicalidade das follas azoutadas. Corría polos montes, corría. E corría ata que sentía o osíxeno anegarlle os pulmóns, ata que sentía o sangue entrar e sair do corazón. Chegaba ao ceo e voaba. Voaba xunto as nubes e voaba ata que sentía a esponxosidade das súas compañeiras de viaxe. Todos os días o neno xordo facía isto coma un ritual.
Mais un día, pola mañá ergueuse e escoitou o son das tazas do leite petar contra os pratos, o son das culleres contra as tazas ou mesmo escoitaba a seus pais falar. Asustouse. Pero ergueuse igualmente. Vestiuse e correu, sen decir palabra, cara a praia. Sentouse na súa rocha e escoitaba o son das ondas, mais non sentía o seu son. Foise á fraga e sentouse no seu madeiro, escoitaba paxaros, escoitaba ás follas e escoitaba o asubío do vento, máis non sentía nada. Correu chorando e desesperado polo monte e non escoitaba nada, non escoitaba os pulmóns nin o corazón nin o sangue nin o osíxeno pola tráquea. Quixo voar, máis non separaba os pes do chan, mirou cara arriba e berroulle ás nubes. Escoitábase a el mesmo. Asustouse e chorou máis forte.
Correu ata que o cansazo lle venceu.
Uns días máis tarde apareceu o corpo sen vida dun neno nun monte de Galiza. No man tiña unha nota:
“QUERO SENTIR, QUERO SENTIR, QUERO SENTIR, QUERO SENTIR….”.
As últimas verbas estaban escritas cunha caligrafía moito máis débil, apenas se vían no papel e non lle deu tempo de escribir o último prego…
Mais só é un conto.
Un dos meus xéneros favoritos é o conto.
Un dos meus contos favoritos é “Sentir”.
Bonito!