“Insinuando ás nubes que dunha pinga se pode crear un conto”
Era a túa face gris e os teus ollos brancos, coitelos de dor ao carón dos meus pensamentos, compañeiros e amigos de natureza obrigada, longa historia, narrada polos ecos do vento e as rochas pardas. É cando os nenos pequenos desbordan tristeza polos poros da pel cal sudor frío e nauseabundo de dor. E cae, bulindo verticalmente cara abaixo, diminuta e inmensa ao mesmo tempo, fría e chea de lume simultaneamente, dona da tristura e raiña dos sorrisos do mesmo xeito. Bule e bule facendo no ceo un racho cal tesoira en tea azul, veloz e intrépido feitizo natural. Contos de inverno nun día de outono ao carón do lume, co chan de area e unha cunca de leite quente. Bebo.
E a pinga intrépida fría e chea de lume, remata o conto, secándose nunha lousa no patio da bodega.
Agora é cando comeza o conto de novo cunha bágoa en sentido vertical meixela abaixo, ao rematar a cunca de leite quente. O frío invádeme…
Pois é un conto moi bonito.