“PARTIDO POR EL VIENTO QUEDA EL SILENCIO. Amaral”
Na noite escura só se escoitaba o asubío do vento rachando o pouco silencio que son capaz de encontrar dentro de min. Xa non recordo cando foi a última vez que me calei por dentro, hai moito que me escoito. Demasiado.
Xa na casa son quen de mirarme o espello e sorrir. Que conste en acta! Moi pouca xente pode. Poucas persoas saben chegar máis alá da eternidade. Semellamos pingas de auga nun mar! NADA. Pero ao fin e ao cabo todo. Somos os máis pequenos dos grans de area que é cadaquén no planeta. E á vez os máis grandes. Teño ganas de plantar una Flor de Rafflesia arnoldii, no abismo de Challenger. O problema é quen me leva até alá…
Xa na casa evito o espello, o camiño até a Asia máis oriental deixoume moi canso. Paso do espello non vaia a ser… Chego a miña habitación, sento na alfombra porque me da a gana. E collo un Gandalf de 20cm feito de poliuretano, coma os Action-Man supoño. Desenfundo a espada Glamdring e comezo a loitar co aire. Xa… co aire… pero éche o que hai. O resto dos xoguetes están en caixas. Gandalf el Blanco ten un sitio privilexiado na estantería.
Xa na casa evito o espello de novo. Sigo cansado polo tema da flor e iso… Camiño até a miña habitación. Quito o abrigo, a bufanda, os guantes, as gafas que están empañadas polo contraste do frío da rúa e o calor dos radiadores do meu piso de Cambados, os zapatos, o reloxo e a americana. Collo a miña libreta de tapas de coiro e póñome a escribir. O das tapas de coiro non o resalto porque si, se non porque a libreta chámase así, a miña libreta de tapas de coiro. Coa pluma no papel dou a luz un par de versos. Logo fico calado bastante tempo e dou a luz a uns 4 ou 5 versos máis. Pode que xa estea listo. Pode que non. Pero a min gústame
Xa na casa evito o espello, camino cara a miña habitación, íspome, poño o pixama, abro a cama, colócolle ben a almofada, botolle unha manta quentiña por riba, abro a cama, coloco ben a sabana e intento durmir.
É que de verdade, sigo cansado por ir plantar unha Flor de Rafflesia arnoldi no abismo de Challenger…