Houbo un soño no cal camiñaba por riba das ondas do meu mar eterno e infinito. Houbo un soño realidade onde me deixaba ir cara o deserto liquidísimo que me agardaba. Houbo un soño esquizofrénico que me toleaba até beber dun oasis de area que atopaba logo de moito camiñar. Houbo un soño que nunca cheguei soñar.
Xa esperto navego calmado
auga salgada ao fin baixo a miña nave de madeira vermella
comezo a viaxe cara o máis fermoso da liña do horizonte
onde me deitarei e volverei respirar salitre en cada bocanada de vida
Formo unha estela profunda ao navegar na miña vella gamela
parto o mar en dous nunha ferida sangante e quilométrica
Son a espada que atravesa a pureza máis elevada
a pureza da vida a eternidade da auga
salgada ou doce
chuvia ou nube
lagoa ou poza
río ou mar
non son digno da túa auga xunto ao meu carbono
detesto sucumbir ante tan elevado sentimento
mais só quero ser meu e un
só estarei preto de ti
e serei teu
cando as miñas cinzas sexan entregadas a eternidade do teu poder azul e olímpico
Había tempo que non pasaba por aquí a botar umha ollada. E mira ti por onde cando entro tópome cun poema no que o fío condutor para expresar sentimentos é a auga. Esa auga que en San Tomé temos tan preto, salgada no mar e doce na “nosa” fonte. Encantoume, quédome con
“Son a espada que atravesa a pureza máis elevada
a pureza da vida a eternidade da auga”