A xentileza dos paxaros
co seu quebrado voo
e o seu vibrante son
desamárrame o pracer de querer ser
un deles
O cormorán máis negro noite
coas ás máis longas e grandes
cun bico para comer canto peixe se me entolle
e voar
até máis alá do vello e inamovíbel horizonte
Acadar as terras máis inacadabeis
chorar cos mares máis fríos e tristes
e gozar con mares máis cálidos e algareiros
triturar co meu bico os peixes máis infames
e acobillar entre as miñas ás aos máis puros e naturais
Logo voarei e camiñarei pola area dunha illa nas nubes
deixando diminutas pegadas palmípedas tras de min
deitareime na area branca e etérea e descontrolada
para ver
como se apagan todas as bombillas de todos os edificios
como se esvaece até a última ánima do ser humano
como se arrasan todas as razas de todos os seres
como se extingue até a última planta e a súa semente
para ver
e
gozar deste dramático e pracenteiro espectáculo
Como colofón: Un novo e maior Big Bang
para deleite dos meus ollos
rebentados polas bágoas
É O FIN
mais eu, o meu bico e as miñas ás botamos a voar de novo
Só a ave máis fermosa
podería ser digna de admirar esa paisaxe
(precisa, tan necesaria
para os ollos
máis esperanzados)
FIN
-BOOM-
E ACABOUSE O CONTO.